Península do Morrazo
O municipio de Marín está situado na marxe meridional da ría do seu mesmo nome e asentado na península do Morrazo.
Situación e poboación
Encóntrase a 7 km. por autovía de Pontevedra e a 27 km. por autopista da cidade de Vigo e ten unha poboación de 25.344 habitantes, dos que máis de 15.000 viven no seu casco urbano.
Marín e o mar
Conta cunha privilexiada ubicación entre o mar e a montaña e todo (as súas rúas, o seu ambiente e as xentes) están enchoupados dun hondo e tradicional espírito mariñeiro, de feito o motor da economía deste concello é a pesca. Proba desta importancia é a lenda contida no escudo de Marín: 'Nostra in Mare Fortuna' e a representación no mesmo dunha áncora.
Toponimia
O nome de 'Marín' deriva do patronímico MARINUS ou do vocábulo de raíz latina MARE, facendo referencia ó feito de estar edificada sobre un outeiro que se introduce no mar en forma de cuña.
Primeiros poboadores
Esta zona foi poboada dende moi antigo, o que se traduce no descubrimento de numerosos restos dos tempos prehistóricos como petroglifos, mámoas, castros, etc.
Romanización
Tamén achamos restos da época romana; en Portocelo existía un pequeno porto romano e una vía que percorría O Morrazo atravesando o concello.
A vila de Marín
Marín atópase a tan só 7 km de Pontevedra, concretamente na península do Morrazo. Se por algo se coñece a Marín no mundo é por ser a única sé da Escola Naval Militar Española, á que se lle adscribe a pequena Illa de Tambo, situada no medio da ría de Pontevedra e onde se sitúa o antigo cenobio de San Fructuoso.
Pero ademais da Escola atopamos no concello unha morea de razóns para visitalo. Un destes atractivos é a parte vella da vila de Marín, coas súas estreitas rúas e atractivas praciñas así como igrexas románicas de gran valía, entre as que se atopan a de Santa María do Campo e a de San Tomé de Piñeiro. Do poder dos nobres da rexión aínda quedan hoxe restos palpables en pazos como o de Brea, San Brais de Aguete, o Chirleu ou o pazo de Cadro, próximo a varios hórreos de gran valor etnográfico.
Natureza e paisaxe
Marín é patrimonio pero tamén mar e montaña. Dende os miradoiros do Outeiro Vermello e de Coutorredondo é posible albisca-las tres rías que integran a provincia. Coutorredondo atópase, ademais, no parque natural de Lago Castiñeiras ofrecendo unhas inmellorables vistas sobre a Enseada de San Simón. Ademais do miradoiro, nas proximidades do lago atopamos unha aula da natureza, unha área recreativa e un couto no que gamos, cervos e corzos habitan en semiliberdade. É este un lugar privilexiado para a práctica do sendeirismo, como tamén o son o curso do río Loira, salpicado de coutos troiteiros e muíños e o castro da Porteliña, moi similar á citania celta de Santa Tegra.
A costa
Xa no litoral, atopamos unha sucesión ininterrompida de praias de finas e brancas areas, entre as que destacan Portocelo, Mogor, Loira, Lapamán e Aguete. Próximo a este último areal atópase o porto deportivo de Aguete, no que é posible participar en diferentes cursos de vela e outros deportes náuticos.
Tradición viva
Son moitas e variadas as festas que se celebran en Marín ó longo do ano. Por mencionar algunha, destacaremos as festas mariñeiras do Carme en xullo, a Festa da Cigala ese mesmo mes e as patronais de Santa Mª de Porto en setembro. Das tradicionais consérvanse en Marín, cun especial agarimo, por unha banda a confección en Marín, Mogor, San Xiao e Seixo das minuciosas alfombras florais do Corpus e pola outra a Danza das Espadas, nas que os mariñeiros danzan na honra a San Miguel Arcángel cruzando arcos e fitas de vivas cores.
Museo Municipal "Manuel Torres"
Acolle gran parte da obra do ilustre pintor marinense, con cadros do costumbrismo, de paisaxes, e pintura vangardista.
Arqueoloxía
A Península do Morrazo sitúase nunha das áreas megalíticas de Galicia, ofrecendo unha grande cantidade de mostras destas culturas, como son as 'mámoas' de Chan d'Armada, Casa dos Lobos, Chan da Pastoriza, Chan da Lagoa e a 'mámoa' do rei.
Do arte rupestre destaca o petroglifo da Praia de Mogor, do que se atoparon debuxos semellantes en Suecia, Laponia e Islandia. Tamén existen petroglifos no río Lameira, en Cachada Grande, Pornedo, Subida, Carballal e no Godalleira. Existen restos de castros, coma o de Porteliña, que garda semellanza co de Santa Trega en Tui.
As Rías Baixas e a camelia
19.06.2013
A noite de San Xoán: orixes e interpretacións
19.06.2013
Feira da tapa 2013. Cangas sabe ben
18.06.2013
Tren dos xardíns da camelia
12.06.2013
Axudas e subvencións da Xunta de Galicia
17.05.2013
COMBARRO: O "CASCO VELLO" MÁIS PEQUENO DE GALICIA
11.09.2012
O QUE NON DEBES PERDER NAS RÍAS BAIXAS I
01.04.2012
Pza. Santa María, s/n · 36071 - Pontevedra
tel.: 886 211 700 fax: 886 211 701
© Turismo Rías Baixas - 2009 | Aviso legal
Opinións de viaxeiros sobre Pontevedra
