Semana Santa nas Rías Baixas
Inicio     
Reducir texto Aumentar texto
Atrás

Artigos

OS MAIOS: TRADICIÓN EN PONTEVEDRA

21.04.2014

Son numerosos os concellos que en Pontevedra reciben a primavera celebrando os “Maios”, festas cheas de vida e cor. Sen dúbida, estas celebracións convértense no mellor agradecemento á natureza pola súa benevolencia coas colleitas.

Maio é época de primavera e de fertilidade. De aí o nome das festas populares celebradas para homenaxeala. Como tributo á terra e en agradecemento pola súa xenerosidade teñen lugar os “maios” en varios municipios da provincia de Pontevedra. A explosión de cor e ledicia destas festas fascina ano tras ano a aqueles que se achegan a contemplalas.

Descoñécese a época exacta á que se remontan estas festas. Moitos foron os que viron nelas reminiscencias dun pasado celta, no que prevalecía a idea da unión do home co medio que habitaba e ao que debía a súa supervivencia. Estas celebracións constitúen a mellor ofrenda á natureza, é dicir, á vella e reverenciada Gaia dos pobos primitivos. Estas xentes considerábana como un ser unitario e vivo, merecedor dos máximos respectos e coidados, dada a relación de dependencia mutua que unía a ambos. A isto hai que engadir o sentimento de unión e colectividade que se desprende destas celebracións, imprescindible para manter a unión e harmonía da comunidade. Os “maios” exercen unha labor unificadora na que todos os veciños participan. A elaboración de fermosos monumentos florais, a composición de coplas e cantos para honrar á primavera no seu momento de máximo esplendor ou os cantos satíricos, supoñen sen dúbida un aliciente para que a comunidade se una nun momento tan sinalado.

E existen xeitos tan diversas de festexar os “maios” como lugares nos que se celebran. Por exemplo, os coñecidos como “maios” figurativos destacan polos seus fermosos e elaborados monumentos, construídos con táboas e cubertos de musgo. A decoración composta de flores e de diferentes plantas completan este cadro perfecto de alegoría da primavera.

Nos “maios” humanos, en cambio, cédese o papel protagonista aos máis pequenos. Así é común en varias localidades adornar a un rapaz con flores e follas. O rapaz, xefe do seu grupo, sostén na súa man un pau e pode estar representando a algún personaxe popular. No caso das nenas, o seu rol está máis asociado ao papel de pureza comunmente atribuído ao seu sexo. Deste xeito, elas van vestidas de branco, portando coroas e sostendo arcos de flores co fin de facer algunha ofrenda aos santos.

É tamén común nalgunhas localidades de Galicia o ritual coñecido como “árbore de maio” consistente en que os rapaces do lugar busquen a árbore máis grande que atopen e a sitúen na praza principal do pobo durante o tempo que dura esta celebración.

Os “maios” celébranse en distintos lugares da provincia de Pontevedra, así que non hai escusa para deixar de visitalos. Os máis coñecidos: os de Pontevedra, Marín e Redondela.

Deputación de Pontevedra Turismo Rías Baixas

Pza. Santa María, s/n · 36071 - Pontevedra
tel.: 886 211 700 fax: 886 211 701
© Turismo Rías Baixas - 2009  |  Aviso legal
Opinións de viaxeiros sobre Pontevedra

Calidade Turística