Como chegar por tren
Por tren
Podes consultar traxectos, horarios, prezos e facer as túas reservas aquí.
Pontevedra é unha cidade perfecta para perderse a pé. A súa zona antiga foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1951 e aínda conserva vestixios da etapa de puxanza económica do antigo porto e dos séculos de esplendor da arquitectura fidalga e rexional. O mellor punto de partida para coñecer a Boa Vila é a súa Alameda, situada aos pés das ruínas do convento de San Domingos, que forman parte do Museo Provincial e funcionan como porta de entrada a un inesquecible paseo a través dos séculos.
para non perder ...
- Santuario de A Peregrina
- As Ruínas de San Domingo
- A Praza da Leña
- O Museo de Pontevedra
O orgullo da Boa Vila
Santa María A Maior é o orgullo da cidade de Pontevedra, ademais do símbolo de poder do Gremio de Mareantes, que financiou a súa construción no século XVI. Trátase dun dos mellores exemplos do gótico de Galicia e foi declarada BIC no ano 1931. Cornelius de Holanda e Joâo Nobre son os artífices da súa espectacular fachada, onde se unen o plateresco e o estilo manuelino portugués. Foi consagrada como basílica en xaneiro de 1962 por Juan XXIII.

As incontables prazas de Pontevedra débenlle o seu nome aos gremios que as ocupaban ou as actividades que acollían, como sucede coa praza da Leña ou coa da Ferrería, onde outrora se traballaba a forxa. Os soportais, que antigamente permitían atravesar todo intramuros sen mollarse, albergan hoxe unha variada oferta hostaleira que mergulla a ou o visitante en edificios agora rehabilitados. No medio desta madeixa de rúas aparece o Museo de Pontevedra, un gran referente cultural composto por cinco edificios e as ruínas de San Domingos.
Parada na ruta de peregrinación a Compostela, as frechas amarelas do Camiño guían os pasos das e dos camiñantes deica a igrexa da Peregrina (1778), xoia do barroco; a de San Bartolomeu e a de San Francisco, así como o convento de Santa Clara.
Algunhas das prazas máis fermosas débenlles o seu nome aos gremios que as ocupaban ou as actividades que a acollían
A arquitectura civil intégrase no percorrido co impoñente edificio da antiga delegación de Facenda, Monumento Histórico-Artístico desde 1896, o pazo de Mugartegui, o Teatro Principal ou a Casa do Concello.
O centro de Pontevedra, galardoado a nivel internacional pola súa accesibilidade, é o escenario perfecto para unha ruta peonil onde a historia se ve salpicada por unha variada oferta comercial e gastronómica, en prazas como a de Méndez Núñez ou a da Verdura, a Rúa Real ou o contorno do teatro. A sobremesa é un bo momento para achegarse a coñecer o loro Ravachol, aos pés da Peregrina.
As Rías Baixas producen os mellores mariscos e peixes do mundo, ademais de viños recoñecidos internacionalmente. Pero a súa variada e rica oferta gastronómica non depende en exclusiva do Atlántico e os seus espectaculares viñedos. Os prados da provincia de Pontevedra alimentan as reses das que se obteñen excepcionais carnes de gando.
E é imprescindible gozar pausadamente dos seus produtos tradicionais capaces de sorprender os padais máis exquisitos. A riqueza das súas rías e a fertilidade da súa terra converten As Rías Baixas nun destino gastronómico de excelencia no que conviven en harmonía unha cociña de fondas raíces cos fogóns máis vangardistas.
non deixes de ver ...
- Maruja Limón (Vigo)
- Culler de Pau (O Grove)
- Yayo Daporta (Cambados)
- Casa Solla (Poio)
- Pepe Vieira (Poio)
- Eirado da Leña (Pontevedra)
- Silabario (Vigo)
Tradición, territorio, lembranzas e sabor. Estes son os acenos de identidade da nova cociña galega, que logrou facerse un oco na elite gastronómica sen renunciar aos produtos da terra. Quen se guía polas “estrelas” para organizar as súas escapadas ten na provincia cinco paradas imprescindibles que os somerxerán nun mundo de infinitas sensacións.
“Sen tradición, non hai vangarda”, esta é a declaración de intencións que lanza o restaurante Maruja Limón de Vigo, unha frase que resume a filosofía dos sete “Estrelas Michelín” de Pontevedra, un selecto grupo no que destaca a finura e experiencia de Pepe Vieira e a súa “viaxe a través da historia e a mitoloxía de Galicia”.

Grupo Nove, cociña emocional
Aínda que é un pequeno grupo de cociñeiros os que figuran na Guía Michelín ou foron distinguidos cos Soles Repsol, o abano para gozar dunha cociña galega vangardista nas Rías Baixas é moito máis amplo. No 2003 nacía o Grupo Nove para difundir a cultura gastronómica de Galicia, unha cociña de temporada, creativa, de despensa, sinxela e emocional que integran tamén os chefs de Silabario, Pandemonium e Eirado da Leña, todos eles na provincia de Pontevedra.
A máxima de Javier Olleros en Culler de Pau (O Grove) é apostar por “materias primas selectas procedentes da agricultura e a pesca sustentables”. E as e os amantes da boa cociña teñen outra cita obrigada coa “cociña galega actualizada” que practica Yayo Daporta en Cambados.
Tradición, territorio, recordos e sabor. Estes son os acenos de identidade da nova cociña galega
"Na cociña busco claridade e esencia". Así se presenta o chef Pepe Solla, que seguiu os pasos de seus pais e avós e converteu Casa Solla (Poio) en punto de encontro para os padais máis esixentes.
Ademais contan con estrela Eirado da Leña (Pontevedra), con Iñaki Bretal á fronte, e Silabario (Vigo), do chef Alberto González.