Fiestas en Rías Baixas

Ruta da Camelia

A flor que chegou do Oriente

Pazos, castelos, parques … A Ruta da Camelia descubrirache auténticos paraísos botánicos nas Rías Baixas. Esta flor procedente de Oriente, introducida na provincia de Pontevedra hai tres séculos, está presente en fermosos edificios históricos e xardíns públicos onde poderás gozar de miles de variedades con gran riqueza cromática.

A provincia de Pontevedra é un inmenso xardín de camelias que ofrece a súa vistosidade na primavera, no outono e sobre todo no inverno, cando se produce a floración, acompañándonos en rúas, prazas, xardíns, pazos, castelos, mosteiros… Esta preciosa flor forma parte da historia e a cultura da provincia de Pontevedra. E é que os camelios son árbores ornamentais cuxa serena beleza sorprende a quen os contempla.

Orixinarias de Oriente , as camelias chegaron a Pontevedra no século XVII desde Portugal, adaptándose de forma extraordinaria grazas ás condicións de cultivo das Rías Baixas: chans acedos ben drenados con certo grao de humidade ambiental. Existen máis de 80 especies e 30.000 variedades diferentes, segundo tamaño, forma, cor, pétalos e follas, entre outras características. Contemplar de preto a delicadeza destas flores e atopar en cada unha delas esa beleza que resulta tan inspiradora e máxica é toda unha experiencia para os sentidos.

A Ruta da Camelia propón un percorrido por auténticos paraísos botánicos das Rías Baixas que permiten descubrir a quen o emprende impoñentes castelos, fermosos pazos e parques naturais. Catro destes recintos foron declarados Xardín de Excelencia Internacional en Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia.

Castelo de Soutomaior

Este castelo, xoia do patrimonio fortificado das Rías Baixas, é unha síntese de fortaleza medieval e posterior palacio neogótico. Presume dun espléndido terreo de 25 hectáreas onde reina a flor de Oriente, que enche de cor as paisaxes da provincia de Pontevedra. Este paraíso botánico está recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional da Camelia desde 2012, e é o primeiro de España en obter tal distinción.

A flor da camelia é a protagonista indiscutible nos xardíns deste maxestoso castelo de Soutomaior, cuxa colección crece cada ano; das súas máis de 400 camelias destacan os 18 exemplares do século XIX (un deles a Camellia japonica de maior perímetro de Galicia). Este espazo compleméntase con outras especies de árbores procedentes dos cinco continentes, coma a araucaria de Chile, a sequoia, a criptomeria, o pinsapo ou o plátano

.

Camelia Soutomaior

Pazo de Rubianes

Un fermoso xardín de estilo francés dános a benvida a este histórico pazo da comarca do Salnés. Máis de 4.000 exemplares de camelia embelecen os Xardíns de Excelencia Internacional desde 2014 do pazo de Rubianes (Vilagarcia de Arousa). Un dos tesouros botánicos que custodia a propiedade é un grupo de camelias do século XIX froito da doazón do duque de Caminha (Portugal). Camellia sasanqua, Camellia sinensis, Camellia reticulata e Camellia japonica son algunhas das especies que comparten reinado neste idílico xardín no que brillan durante a estación fría máis de 800 variedades.

O cultivo da especie nesta paraxe entende moito de paixón pola xardinería e de saber transmitido de xeración en xeración. A súa colección de camelias convive en perfecta harmonía con magnolios, calocedros, criptomerias, eucaliptos, alcanforeros, fresnos, araucarias, carballos ou sobreiras, facendo do lugar un parque botánico ideal para un paseo.

Pazo de Rubianes

Pazo Quinteiro da Cruz

Situado no corazón da comarca do Salnés, o pazo Quinteiro da Cruz, de finais do século XVIII, é un exemplo de arquitectura neoclásica señorial galega. O seu terreo, cunha extensión de 7 hectáreas, conta cunha zona de xardín deseñada a finais do século XIX, de inspiración francesa, rodeada por viñedos de albariño e bosque autóctono.

Arredor duns 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades conviven neste enclave, que conta coa distinción de Xardín de Excelencia Internacional da Camelia desde o ano 2018. Destacan a Camellia japonica, Camellia reticulata e Camellia Higo, coas que conseguiron en varias ocasións o Premio de Camelia de Ouro no Concurso Internacional da Camelia. Este paraíso botánico permite pasear entre camelias e admirar a beleza desta elegante flor da provincia de Pontevedra.

Pazo Quinteiro da Cruz

Pazo de Lourizán

Nos arredores da cidade de Pontevedra aséntase este magnífico exemplo de propiedade señorial de finais do século XIX, actualmente dedicado á investigación e conservación forestal. Este pazo alberga un xardín de grande envergadura e calidade, no que se concentran un bo número de especies botánicas singulares, coma unha falsa sequoia que só se coñecía en forma de fósil, unha maxestosa sófora, un olmo holandés ou un cedro do Líbano duns 180 anos.

Os camelios máis antigos da propiedade son exemplares de Camellia japonica ‘Alba Plena’ que datando século XIX e visten de cores este xardín, que conta con máis de 600 exemplares precisamente desta especie, de novembro a febreiro.

Pazo Quinteiro da Cruz

Pazo Quiñones de León

O pazo Quiñones de León ou pazo de Castrelos, en Vigo, está edificado sobre a antiga torre de Lavandeira (século XVII). Tras ser propiedade de diferentes familias, en 1924 foille doado ao pobo de Vigo para ser convertido en museo e parque público en 1937. Neste marabilloso parque onde a botánica parece maxia distínguense varios sectores, entre eles un roseiral, un xardín francés, outro de estilo inglés e un bosque.

Ao abrigo do pazo atópase o exemplar de Camellia japonica coñecido coma o “Matusalén” das camelias pola súa antigüidade, xa que ten arredor de 200 anos. Entre os impresionantes exemplares de camelia destacan algunhas variedades de Camellia japonica coma ‘Alba Plena’, ‘Bella Romana’, ‘Federici’, ‘Hagoromo’, ‘Herzilia II’, ‘Incarnata’, ‘Kellingtonia’ ou ‘Pomponia Portuensis’, entre outras.

Pazo Quiñones de León

Pazo Gandarón

Nos arredores de Pontevedra atópase este pazo construído polo arcebispo Malvar a finais do século XVIII. O pazo de Gandarón alberga desde 1928 a sede da Misión Biolóxica de Galicia. Fontes, estanques, un hórreo e unha capela forman parte da identidade deste fermoso lugar que soubo conservar o seu estilo orixinario.

As camelias máis antigas foron plantadas no século XIX por Jerónimo Malvar. Máis tarde, Cruz Gallástegui, fundador da Misión, aumentou a colección, e durante a última metade do século XX Antonio Odriozola contribuíu en gran medida ao cultivo e difusión da camelia. Entre as variedades do xardín destacan os especimes de Camellia japonica Fimbriata Alba, Xoán XXIII ou Prince Eugene Napoleon, que tantas veces paseou polas rúas de Pontevedra na lapela de Odriozola.

Pazo Gandarón

Pazo da Saleta

Outro dos xardíns de excelencia internacional en camelia da comarca do Salnés atopámolo na localidade de Meis, no pazo da Saleta. O patrimonio botánico que posúe é unha das coleccións privadas máis importantes de España, onde conviven especies autóctonas con outras chegadas de todos os continentes. Este xardín de inspiración inglesa forma parte de Les Belles Maisons, unha exclusiva selección de casas particulares.

Máis de 300 exemplares de camelia adornan os seus fermosos xardíns, onde florecen especies coma Camellia japonica , Camellia reticulata ou a Camellia x williamsii . Xunto á capela da Saleta, o pazo, o pombal, a carballeira, o estanque e a xungla australiana fan deste un dos xardíns máis especiais da provincia.

Pazo de A Saleta

Pazo de Oca

O pazo de Oca é o pazo galego máis antigo. Dentro do conxunto distínguense a capela de San Antonio, o pazo —no que destaca unha impoñente torre con ameas e varios escudos— e os espectaculares xardíns, que conservan o dobre carácter de horta produtiva e xardín ornamental. Coñecido coma o Versalles galego, pola excepcional calidade dos seus xardíns de estilo barroco, dentro da súa composición axardinada sobresae a romántica, a xeométrica clásica e o labirinto; ademais de numerosos detalles coma o tratamento da auga, cos estanques das barcas, fontes, chorros, muíños, alxibes e canalizacións, que lle confiren unha gran vistosidade á propiedade. 

No seu xardín xeométrico crece un exemplar de Camellia reticulata Captain Rawes de intensa cor vermella que rolda os 170 anos e os 11 metros de altura, o que fai deste o exemplarmáis antigo e de maiores dimensións de España. Ademais desta gran xoia das camelias das Rías Baixas pódense apreciar centos de camelias de diferentes tamaños, especies e cores que espertan os sentidos de quen visita esta marabilla botánica.

Pazo de Oca

Parque de O Castro

Este parque, o punto máis elevado do centro da cidade de Vigo, constitúe un excepcional xardín botánico que ofrece unha fermosa panorámica do porto e da ría. Posúe especies exóticas de gran tamaño e valor ornamental, ademais de vestixios dun xacemento castrexo que data do século III ao I a. C.

A súa colección de camelias distribúese en diversas zonas e gran parte delas son de orixe portuguesa, coma as variedades ‘Dona Jane Andresen’, ‘Angelina Vieira’ ou ‘Pomponia Estriata Portuensis’, entre outras.

Parque de O Castro

Pazo Pegullal

O pazo de Pegullal data do século XVIII e sitúase no concello de Salceda de Caselas. Esta casa señorial está rodeada de fermosos recintos axardinados, estanques e fontes. Os escudos de armas das familias Correa, Mendoza, Quirós, Sarmiento e Sotomayor presiden o portalón de entrada deste espléndido pazo, o que se sitúa máis ao sur da Ruta da Camelia de Pontevedra Provincia-Rías Baixas.

Na propiedade esténdense viñedos da bodega Pazo Pegullal, que produce e comercializa os seus viños baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais, o pazo conta con explotacións de kiwis e oliveirais.

Parque de O Castro